viernes, 9 de marzo de 2012

OS CONTOS NA CASA

Na nosa aula temos dúas minibibliotecas: unha para peques e outra para familias.
Todos os venres, dentro das súas carpetas para non estragar nada, o alumnado leva o material que lle toca. E sempre se acordan! Pensando no desfrute que terán lendo o conto nas súas casas e cheos/as de curiosidade por intentar adiviñar cál lles vai tocar esa semana, ás veces pídenme xa á hora de entrar que preparemos as carpetas, "por se acaso".
Encántanlles estes materiais cando os manipulan sen axuda, pero moito máis lles encanta que os vexamos xuntos, que llelos contemos, expliquemos, escoitemos, e mil cousas máis que se poden facer con eles. 
Unha destas mil maneiras de traballar o conto na casa podería ser:
  • lelo. Para contar un conto o mellor posible debemos primeiro coñecelo nós, polo tanto sería aconsellable lelo antes de contalo. Así sabemos en qué partes temos que insistir, ónde van vir as sorpresas, qué pistas podemos dar para que comprendan a historia e qué misterios non podemos desvelar ata o final. Este primeiro paso dígoo coa boca pequena, pois sei que non sempre é posible, e que nalgúns casos iremos directamente ó seguinte punto:
  • primeira lectura do conto, sen pausas nin explicacións que fagan perder o fío da historia. Soamente contar (que non é o mesmo que simplemente narrar) e compartir as ilustracións.
  •  a seguinte vez que o contemos xa podemos asegurarnos de que todo se comprende, que saben cántos personaxes interveñen e os seus nomes e motivacións, a secuencia de feitos, os porqués, e calquera cousa que se lles ocurra preguntar (impredecibles) ou ampliar a nós.
A partir de aquí xa todo é xogar
  • facerlles preguntas sinxelas, fixándonos entre outras cousas na afectividade, nos sentimentos que aparecen no conto e cómo resolven os problemas os personaxes (por que están tristes? que poderían facer para...?)
  •  inventar rimas cos nomes dos personaxes, que ás veces xa veñen dadas nos propios títulos (gato nun zapato, reno pequeno, Xoán ten un can, etc.)
  • contalo todo! (cantos paxaros hai? e árbores? e nenas? e cabritos? e obxectos verdes? e e e...?)
  • adiviñar o que non está escrito (Carapuchiña tiña unha cesta, pero que che parece a ti que podería levar nela? Como podería chamarse o rato? Que farían se chovese?)
  • cambiar. Sen abusar ó principio (porque ás veces non lles gusta nada que se cambien os seus contos preferidos), podemos incitalos a cambiar o final por outro novo, a cambiar algunha característica dos personaxes, o escenario, engadir algo doutro conto... (o lobo era vexetariano, os tres porquiños atoparon unha lámpada máxica)
  • debuxar, representar, mover os títeres e marionetas, recortar, contar a historia entre irmáns, que nola conten a nós, aprender curiosidades relacionadas co tema, imaxinar, recoñecer algunha letra do propio nome, etc.
Todo ten cabida, aínda que debemos lembrar que tan importante é traballar o conto con eles/as como, se non está resultando lúdico ou atractivo, que o lean ó seu aire para que a paixón polos contos que teñen todos/as non se vaia perdendo coa nosa insistencia.


E para aquelas familias que quedan sen voz de tanto contar historias, déixolles un vídeo da promoción dun dos mellores materiais audiovisuais da actualidade, aínda non comercializados, pero que podemos atopar na páxina da TVG.


E aquí está a páxina da TVG dende a que podemos ver moitos deles na sección de "contos": http://www.crtvg.es/infantil

No hay comentarios:

Publicar un comentario